Volve con forza o Caudal Fest, que tralo éxito do ano pasado con máis de 22.000 asistentes asentándose como un dos principais festivais de Galicia, repite cunha segunda edición que terá lugar o 20 e 21 de setembro en Lugo. Como novidade, este ano serán dous días completos de festival, ampliando así a oferta musical para todos os asistentes.

Terá como cabezas de cartel os madrileños Izal, unha das bandas con máis proxección internacional do panorama actual, e aos navarros Marea, que regresan tras máis de 6 anos sen actividade cun novo disco e unha xira que os levará por gran parte de España onde xa están rompendo récords de asistencia, sendo este un dos poucos concertos que dará en festivais este ano. Ambos darán actuacións de longa duración para deleite de todos os seus fans.

Un dos estandartes da música galega non podería faltar este ano, o gran Xoel López, nin un dos regresos máis esperados da música lucense, Holywater. Tamén haberá lugar para a música máis actual coa actuación do exitoso Beret ou un dos artistas revelación de 2019, Carolina Durante. Tampouco faltará a festa coas actuacións de La Pegatina e La Maravillosa Orquesta del Alcohol, La M.O.D.A., nin o lado máis urbano do noso público grazas ao rapeiro ToteKing.

Los Bengala, Agoraphobia, Bocanada, Tigre y Diamante, e Galician Army serán outras das actuacións que formarán a programación do Caudal Fest 2019, rematando unha programación que mesturará o indie, o rock, o pop, o rap e a electrónica.

As entradas do festival estarán á venda o vindeiro martes 21 de maio ás 11:00, cunha oferta para as primeiras 1000 de só 29 € máis gastos. Ademais, a zona de descanso para acampar a carón do festival tamén estará dispoñible o mesmo día para reservar.

Sen dúbida, o Caudal Fest volve poñer a Lugo no mapa dos festivais nacionais como un dos carteis máis atractivos do norte de España e unha das derradeiras oportunidades para despedirse do verán, no mellor entorno posible como é o de Lugo e o do río Miño ao seu paso pola cidade.

 

News

Deja un comentario