Será o ciclo máis exclusivo de toda Galicia, con datas únicas dos artistas máis importantes do panorama actual, durante a fin do verán

Este verán será diferente para todo o mundo, pero a música e a cultura non deixarán de estar presentes nas nosas vidas. Do 3 ao 20 de setembro Lugo será a cidade protagonista do ciclo de concertos de aforo reducido estrela en Galicia, As Noites de Caudal Fest. Haberá concertos tanto de pago como gratuitos, e cunha ampla variedade de estilos. Todos eles adoptarán as medidas de seguridade actuais para eventos culturais, adecuadas á nova normalidade, con actuacións máis persoais e íntimas, con aforos reducidos respetando a distancia de seguridade e con uso obrigatorio de máscaras para público e traballadores.

Os concertos terán lugar en dúas localizacións da cidade: a praza de Augas Férreas e a contorna do Auditorio Municipal Gustavo Freire. Serán recintos ao aire libre de acceso limitado, e con asentos asignados previamente, distanciados entre si e seguindo todas as normativas de seguridade, desinfección e precaución necesarias para a situación actual. Terán un aforo máximo de 800 persoas, seguindo a normativa, e haberá un periodo de acceso ao recinto e acomodación escalonado de ata hora e media.

Dentro da programación haberá 12 concertos moi especiais, cos artistas máis importantes da escena nacional e galega. Izal volverán á cidade para realizar a súa única data en Galicia dentro da súa “Pequeña gran gira” con formato reducido deste ano, sendo un dos principais atractivos do cartel e que esgotaron tódalas demais datas en España en cuestión de horas. Outro dos grupos de pop máis importantes nacionais, Amaral, actuarán dentro da súa xira estival como “Eva y Juan, conciertos acústicos”. O indie rock de Dorian visitará Lugo para o seu único concerto en Galicia e tamén estarán connosco os sempre carismáticos M-Clan coa voz do gran Carlos Tarque á fronte.

A sensación do pop Ana Guerra tamén fará acto de presencia na cidade e xunto con Chica Sobresalto (Maialen) atraerán aos fans destas dúas artistas tras o seu paso por Operación Triunfo. Polo seu lado e dentro dos estilos urbáns teremos a un dos mellores rapeiros galegos, Hard GZ, quen abrirá a programación o xoves 3 de setembro. Como novedade, a humorista Martita de Graná, tras ser unha das revelacións dos últimos meses e esgotar as entradas de todas as súas actuacións deste verán, fará parada en Lugo para facer un dos monólogos máis actuais e divertidos do momento.

Os artistas galegos e lucenses tamén serán protagonistas do ciclo, como non podería ser doutra maneira. Por un lado teremos a Baiuca, o proxecto de Alejandro Guillán que mestura a música tradicional galega coa electrónica, unha das sensacións do panorama musical dos últimos tempos. Ortiga e a súa cumbia electrónica en galego tamén fará as delicias dos fans das verbenas, pechando unha das fins de semana de concertos da mellor maneira posible. O local David Prado actuará en formato trío diante dos seus cunha actuación de balde e para todos os públicos, e os tamén lugueses Holywater pecharán a programación deste ciclo cun concerto cheo de calidade.

As entradas poñeranse á venda na web www.caudalfest.es o vindeiro luns 10 de agosto ás 12:00 do mediodía. Para cada actuación permitirase seleccionar asentos que serán unipersoais e intransferibles. En todo momento informarase de todas as medidas e estarase en contacto coas autoridades para que o acceso á cultura en Lugo fágase dunha maneira segura. 

A última gran festa do verán será unha oportunidade perfecta para disfrutar de concertos nun ano atípico sen concertos e festivais, e sobre todo, para apoiar ás bandas e aos traballadores que fan cada ano posible disfrutar do que máis nos gusta: a música. 

Vémonos no Concello de Lugo!

🎵 As Noites de Caudal Fest 🎵

Izal (Pequeña Gran Gira – Formato Reducido, única data en Galicia)

Amaral (Eva y Juan – Conciertos Acústicos)

Dorian (única data en Galicia)

M-Clan

Ana Guerra

Martita de Graná

Hard GZ

Chica Sobresalto (Maialen)

Baiuca

Ortiga

Holywater

David Prado

As Noites de Caudal Fest